CRTVG

Buscar

Amelia Pérez: "Pedimos a derrogación total da reforma laboral do PP"

Publicado o 24/05/2021 12:43

A nova secretaria xeral de CC OO en Galicia reclama a derrogación da reforma laboral de 2012 na súa totalidade. Amelia Pérez, referendada con máis do 64 % dos votos no XII Congreso da organización, asegura que esa é a reivindicación de partida do seu sindicato.

Nunha entrevista no informativo Bos días, da Televisión de Galicia, valora a sensibilidade do Ministerio de Traballo e da súa responsable con este asunto. No ámbito da negociación aberta, considera crucial abordar a subcontratación, a prevalencia do convenio do sector por riba do empresarial e a redución dos modelos de contrato. Porén, insiste en que Comisión Obreiras pide, en principio, a derrogación total da reforma laboral do PP.

Primeira muller que se sitúa á fronte dun sindicato de clase en Galicia, afronta o cargo con ilusión e responsabilidade, consciente de que moitas empresas "están aproveitando a crise para desfacerse do capital humano". Neste sentido, salienta que van pelexar na rúa e nas mesas de negociación para minimizar o máximo posible os ERE.

Sector industrial

Respecto ao sector industrial, a líder sindical lembra que estamos nun proceso de transformación enerxética, con cambios de paradigma e de ciclos produtivos. Porén, subliña que esa metamorfose ten que ser "xusta, social e sostible".  Na súa opinión, a perda de postos de traballo ten que levar aparelladas outras medidas. "De aí que esteamos pedindo, dende hai tempo, ese compromiso coa política industrial e coa reindustrialización do noso país".

Ao Goberno galego tamén lle reclama máis compromiso coas políticas públicas, sobre todo no eido da sanidade, e "seriedade, solvencia e rigor" nos proxectos destinados aos fondos Next Generation porque "xogamos o futuro do país".

Ás administracións en xeral pídelles un maior compromiso coa política social e coa formación das persoas que están a quedar no paro por mor da pandemia, "para que non se vexan abandonadas".

Reforma das pensións

No canto á reforma das pensión, Amelia Pérez considera que a modificación levada a cabo é positiva, pero segue a ter tres eivas no que se refire ao factor de sostibilidade, aos coeficientes redutores e á xubilación forzosa.

Partidaria de mesturar negociación con mobilización, pensa que "ese binomio é perfecto" para conquerir os obxectivos da clase traballadora. Por iso, subliña, o calendario de protestas vai continuar centrado na derrogación dos textos legais anteriores e no incremento do salario mínimo interprofesional.

A secretaria xeral de CC OO saca unha lectura positiva do incremento da afiliación que, ao seu entender, demostra que a clase traballadora segue a considerar os sindicatos como "unha ferramenta útil", e a nosa obriga é "defender os seus intereses".

Noticias web

24/05/2021