CRTVG

Buscar

Marcos Araújo (Axega): "Alerta vermella polo temporal Fabien, con vento de máis de 100km/h e ondas de 10 metros"

Publicado o 20/12/2019 14:06

A Xunta ten decretado nivel de alerta 1 por desbordamento dos ríos. Marcos Araújo, xerente da Axencia Galega de Emerxencias, fala dos perigos provocados pola auga, tras a chegada de tres borrascas nunha semana.

Marcos Araújo lamenta a vítima mortal de Santiago, tras o derrubamento dun muro antigo do parque de Bonaval sobre varios vehículos. Nun dos coches estaba a vítima, que non se atopou ata que os bombeiros retiraron os cascallos. Segundo Araújo, posiblemente, a auga afectou a cimentación.

A cantidade de auga caída estes días tamén fixo, posiblemente, que cedera o terreo na Gudiña e que sufrira un accidente un membro de emerxencias cando traballaban para sacar un coche que tivera un accidente, segundo o xerente de Axega. O mozo de emerxencias acidentado foi trasladado ao hospital de Verín e, posteriormente, ao hospital de Ourense con fractura de tibia e peroné e feridas na perna.

"Neste momento estamos na cola da borrasca Elsa", di Araújo, temos unha situación máis tranquila hoxe. O que máis nos preocupa é a parte hidrográfica, hai que estar moi pendentes da auga que chega ás cuncas, hai presas que xa están ao máximo e a auga que entra ten que saír e noutras, coma na do Tambre onte á noite, que hai que abrir e iso afectou augas abaixo, onde temos pequenas inundacións".

"Estamos valorando continuamente a cantidade de auga que chega as concas e o nivel de risco que supón", explica o xerante de Axega.

"En función de a onde chega a auga, intentamos regular os niveis, amais dos avisos á poboación, avisos a alcaldes, aos operativos de emerxencia, protección civil, etc. É de agredecer o traballo que están facendo estes días, porque estan traballando as 24 horas nunha condicións de chuvia bastante complicadas".

Respecto do temporal Fabien, "sabemos que é unha borrasca que entra con máis vento ca chuvia", explica o xerente de Axega, e que "vai entrar sobre as seis mañá, pero os refachos máis forte será sobre a unha da tarde. Afectará especialmente entre Fisterra e a zona máis ao norte da provincia da Coruña. Entrará con ventos que poden superar os 100 quilómetros por hora. Haberá que amarrar a frota porque haberá ondas de 10 metros. Haberá aviso vermello en vento e mar".

Entre as recomendacións, "non achegarse a zona de costa para facer fotos, nas cidades amarre de guindastres e andamios nas cidades, coidado co que hai nos balcóns, etc".

 

 

Noticias web

20/12/2019