Entregan os cadáveres equivocados a dúas familias e incineran un por erro en Vigo
Unha confusión na entrega dos cadáveres de dous homes ás súas respectivas familias en Vigo provocou que un deles, o dun cidadán portugués que traballaba en Tui, fora incinerado por erro.
O Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), a través de fontes da Xunta, desvincúlase deste erro e culpa á funeraria por non comprobar a identidade do corpo que recolleu do hospital Nicolás Pena para entregarllo no tanatorio á familia equivocada. Insiste a Xunta en que estas dúas persoas falecidas "estaban plena e correctamente identificadas", e que a funeraria encargada de recoller o cadáver de J.A.A., un veciño de Vigo, que xa se atopaba nas dependencias de Vigo Memorial, equivocouse e foi buscalo ao hospital Nicolás Pena. Alí non comprobou a identidade do cadáver que recolleu e asinou a entrega deste e dos obxectos persoais, a pesar de que estes estaban a nome do cidadán portugués J. M. B. C.
A Xunta, que trasladou ao xulgado unha explicación sobre o sucedido, lamenta esta confusión e traslada a súa pesar ás familias afectadas, que "están a sufrir unha situación moi dolorosa.