Entregan 33.000 firmas no Parlamento para que os centros conten cun enfermeiro escolar

Representantes de colectivos sanitarios, educativos e de asociacións de pais e nais entregaron este luns no Parlamento galego unhas 33.000 firmas en apoio á Proposición Non de Lei para o Recoñecemento e Regulación da Figura da Enfermería Escolar en Galicia.
Os promotores desta iniciativa defenden que o actual contexto social e lexislativo xustifica a súa implantación nos centros galegos como un servizo que debe estar regulado e normalizado para evitar a afectación de trastornos que derivan en condutas de risco. Así destacaron exemplos como a Diabetes Mellitus tipo 1 ou a asma, neste caso cunha incidencia do 13,6 e de 12,2 por cento en nenos de entre seis e sete anos e entre 13 e 14 anos, respectivamente.
Ademais, indican que esta dotación favorecería tarefas non só asistencial, senón de promoción de hábitos de saúde saudables, actividade física ou educación sexual, incidindo en que as experiencias realizadas noutros territorios demostran que a relación "custo-efectividade" resultaría "beneficiosa" en termos de produtividade laboral para os docentes e os pais e para a redución do absentismo.
Maite Pena Fernández, portavoz do colectivo, destacou a "contestación social" e o apoio á proposta, "moi positiva", e as "boas sensacións" tras falar cos grupos políticos con representación parlamentaria. A partir de agora, o seguinte paso será esperar a que avance o traballo no seo da Cámara galega, aínda que considera que unha proposta deste calado debería saír aprobada "por unanimidade". Tamén incidiu en que a enfermería escolar é un perfil "necesario e recoñecido" en países tanto da Unión Europea (Suecia ou Inglaterra), como do exterior (EUA); e que xa existe en diferentes comunidades autónomas, que contan con enfermeiros nos seus centros (Madrid, Valencia ou Estremadura).