CRTVG

Buscar

Consulte a lista dos novos ministros tras a renovación do executivo

Publicado o 10/07/2021 21:39

Pilar Llop, ata o de agora presidenta do Senado, será a nova ministra de Xustiza. Licenciada en Dereito, compatibilizou a súa función xudicial coa de consultora internacional. Foi letrada do Gabinete Técnico do Consello Xeral do Poder Xudicial e delegada do Goberno para a violencia de xénero. Tras ser designada senadora pola Asemblea de Madrid, en decembro de 2019 foi elixida presidenta do Senado.

Félix Bolaños, ata o de agora secretario xeral de Presidencia, será o novo ministro de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática. É licenciado en Dereito. Peza chave do PSOE de Madrid, nos últimos anos tivo encomendadas tarefas complicadas como a negociación para formar o Goberno de coalición, a exhumación de Franco ou a negociación co PP para renovar o Poder Xudicial.

José Manuel Albares, novo ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, é tamén licenciado en Dereito e diplomático de carreira. O ata o de agora embaixador de España en Francia e en Mónaco foi tamén secretario xeral de Asuntos Exteriores no equipo da Moncloa.

Pilar Alegría, nova ministra de Educación, é diplomada en Maxisterio. É a actual delegada do Goberno en Aragón. Foi deputada no Congreso e membro da Executiva Federal do PSOE. Tamén desempeñou o cargo de conselleira de Innovación, Investigación e Universidade do Goberno aragonés entre 2015 e 2019.

Diana Morant, nova ministra de Ciencia e Innovación, é ata o de agora e desde 2015 a alcaldesa de Gandía. Licenciada en Enxeñería de Telecomunicacións. É presidenta do Comité Nacional do PSPV-PSOE (PSOE valenciano) desde o 2018.

Raquel Sánchez Jiménez, tamén procedente do ámbito municipal, asume a carteira de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. A ata o de agora alcaldesa do municipio catalán de Gavá é licenciada en Dereito. Forma parte da Executiva do PSC desde o ano 2016.

Isabel Rodríguez García, vai ser a nova ministra de Política Territorial. Licenciada en Dereito, é a actual alcaldesa de Puertollano (Cidade Real). Entre 2004 e 2007 exerceu de senadora por Cidade Real, o que a converteu na senadora máis nova da historia de España. Será agora ademais a nova portavoz do executivo.

Óscar López, o secretario de Organización do PSOE asumirá o cargo de novo xefe de gabinete de Pedro Sánchez, a quen une, ademais, unha grande amizade desde os anos 90. Substitúe así a Iván Redondo. Óscar López é ata o de agora conselleiro Delegado de Paradores e Tursimo de España. Foi secretario xeral do PSOE de Castela e León entre 2008 e 2012.

Ander Gil, diplomado en Maxisterio, non estará no Goberno, pero será o novo presidente do Senado. Figura de máxima confianza de Pedro Sánchez, en xuño de 2017 foi escollido pola Executiva Federal Socialista como voceiro do Grupo Parlamentario Socialista no Senado.

Noticias web

10/07/2021