CRTVG

Buscar

Entran nunha tenda de roupa da Coruña e levan só as moedas da caixa rexistradora

Publicado o 13/05/2021 14:10

Esta mañá, na tenda de Sonia, instalaban xa unha alarma. Hai tres semanas que abriu o seu negocio na céntrica rúa Médico Rodríguez, perpendicular á de Juan Flórez, e xa recibiu a ingrata visita dos amigos do alleo.

"Chamoume a policía. Dixéronme que tiña a porta forzada e que me achegara canto antes. Non sabes o que te vas atopar e poste a mil", explica Sonia Rivas, a propietaria da tenda asaltada.

Porén unha vez no local atopouse con grandes estragos na porta, pero aparentemente, no interior, todo estaba en orde.

 "Cando puiden entrar xa vin que non roubaran nada de roupa. Estaba claro a que viñan, polos cartos", engade Sonia.

 Cartos que non chegaban aos 50 euros. Eran as moedas que Sonia deixara na caixa rexistradora para o cambio do día seguinte.

Tamén roubaron nun salón de peiteado situado a escasos metros. Pero alí, a plena luz do día. Pouco antes das dúas da tarde, aproveitando un cambio de quenda. Nese intre, o delincuente entrou no local e logrou roubar 200 euros da caixa rexistradora.
Os prexudicados piden que volva a policía de barrio.


 

Noticias web

13/05/2021