CRTVG

Buscar

Entran nun piso de Pontevedra polo método do 'bumping' e levan xoias valoradas en 20.000 euros

Publicado o 14/10/2019 14:02

A alerta do roubo deuna a muller que vive ao lado do piso asaltado, na rúa Castañal de Pontevedra, ao ver a porta aberta o venres pasadas as nove da noite. Previamente escoitara un golpe forte ao que non lle deu maior importancia. Foi o ruído co que os ladrons activaron a chave bumping para destrabar limpamente a pechadura da porta.

Segundo testemuñas, actuaron polos menos dous ladróns, polo que nos contaba Mar, a vítima: "Van directos a onde teñen que ir, á habitación de matrimonio, o resto estaba impecable. Polo que dixo o da Científica, fan sempre igual, remexen onde está o que lles interesa, na habitación de matrimonio. Levaron todas as xoias, os cartos que había na hucha, porque eran billetes. E nada máis. O resto quedou todo, todo impecable".

Afirma Mar que polo que lle dixo a Policía Científica foi unha acción de ladróns ben preparados. Explica que onte presentou a denuncia do que lle roubaron e a súa valoración.

"Ponlle entre os 15.000 e 20.000 euros perfectamente. Tiña reloxos de ouro, pulseiras e aneis de brilantes, pendentes... Ouro tiña bastante. Foi o que levaron, xoias e os cartos da nena. Isto son bandas organizadas que veñen, van directamente ao obxectivo e arraplan. En dous minutos fan o roubo".

Segundo a vítima, a policía non achou ningunha pegada na habitación remexida e na porta tampouco quedou rastro do asalto.

Noticias web

14/10/2019