CRTVG

Buscar

Entran en nivel vermello de restricións dous novos concellos portugueses da fronteira con Galicia

Publicado o 16/11/2020 18:01

O norte de Portugal segue sumando máis casos positivos e falecidos do que se esperaba e aumentan os territorios con restricións. Hoxe entran en vermello dous novos concellos da fronteira con Galicia.

Son Montalegre, que limita con Calvos de Randín e Muíños, e o municipio de Arcos de Valdévez, que fai fronteira con Entrimo. Mantéñense Caminha, Cerveira, Valença e Chaves.

Todos pasan a formar parte dos 191 concellos coas medidas máis duras do que vai de pandemia, como o toque de queda dende as 11 da noite e na fin de semana dende a unha da tarde e que os galegos da raia tamén deben cumprir.

Un confinamento parcial que onte e antonte foi todo un éxito porque o sábado e o domingo, segundo un estudo, o 60% dos portugueses nin sequera saíron de 8 da mañá a unha da tarde, que é cando podían.

Con esta medida, o Goberno quere mellorar os datos de incidencia do virus que agora mesmo colocan esta rexión norte de Portugal como a peor de toda a Península Ibérica.

Portugal, con 91 mortos, chega a novo máximo diarios de falecidos

O país luso rexistrou nas últimas 24 horas 91 mortos por coronavirus, un novo máximo de toda a pandemia, e sumou case 4.000 novos contaxios, mentres que seguiu crecendo o número de pacientes que necesitan hospitalización.

Segundo o último balance da Dirección Xeral de Saúde lusa, 91 persoas faleceron desde o domingo, por encima do anterior máximo diario, que foi de 82 persoas, o que eleva a cifra total de mortos desde marzo ata 3.472.

O número total de positivos ascende a 225.672, dos cales 3.996 foron notificados nas últimas 24 horas, menos que os días anteriores, aínda que os luns adoitan baixar os casos porque a fin de semana realízanse menos probas.

No últimos tres días, o país non baixou dos 6.000 contaxios diarios. A presión seguiu aumentando nos hospitais, que tamén rexistran máximos de toda a pandemia no número de ingresados totais (3.040; isto é, 11 máis que o domingo) e nos internados en coidados intensivos (426, tamén 11 máis).

A incidencia acumulada dos últimos 14 días é de 760 casos por 100.000 habitantes.

Aínda que a pandemia esténdese por todo o país, afecta especialmente o Norte (52% dos novos contaxios) e á rexión de Lisboa e Valle do Texo (33,8%).

"Todos os indicadores reflicten unha actividade epidémica intensa", sinalou a directora xeral de Saúde, Graça Freitas, en conferencia de prensa.

Portugal seguirá en estado de emerxencia ata o 23 de novembro e esta semana o presidente, Marcelo Rebelo de Sousa, estudará se decide prolongar a medida.

O primeiro ministro, António Costa, xa dixo a semana pasada que é "imposible" non pensar nunha prórroga da emerxencia, que supón o nivel de alerta máis alto do país.

Noticias web

16/11/2020