CRTVG

Buscar

Entramos na UCI do CHUO, onde hai 17 pacientes por mor da covid−19

Publicado o 01/02/2021 11:48

Comeza para Conchi outra xornada de traballo cos enfermos de covid−19 ingresados en coidados intensivos do hospital de Ourense. Será, coma case sempre, unha quenda longa e dura.

Antes de entrar hai que reservar tempo para poñer o equipo de protección que levarán durante todo o tempo que estean aquí. Só se ven os ollos, así que, escriben no mesmo traxe o nome e a especialidade de cada un. Fano para recoñecerse entre eles pero tamén para que os pacientes que están conscicentes saiban quen lles está falando.

Nestes momentos hai 17 pacientes en coidados intensivos, repartidos na UCI polivante, onde hai sete camas separadas con porta e no que antes era a sala de reanimación que está sendo utilizada como UCI para a covid−19. Esta noite trouxeron un contaxiado que estaba en planta. Tamén chegaron de fóra outras dúas mulleres máis que están á espera do resultado da proba. Víctor López Ciudad, médico intensivista, asegura que están preparados para recibir máis pacientes se é necesario, pero admite que todos están moi cansos mental e fisicamente.


Víctor Lopez Ciudad, médico intensivista no CHUO: "A verdade é que non estás igual por moito que queiras cando estás facendo unha garda tras outra e todo o tempo atendendo este tipo de pacientes que requiren moito traballo físico de todos, enfermeiras, celadores, auxiliares...".

O paciente que entra na UCI pasa unha media de tres semanas, gran parte do tempo con ventilación mecánica e boca abaixo.

Ademais deste cansazo tamén hai certa frustración porque pensan que esta terceira vaga do virus se puido evitar.

Víctor López Ciudad, médico intensivista no CHUO: "Nós somos servidores púbicos por riba de todo e gústanos o traballo, pero cando tes tantos pacientes de xeito continuado durante tanto tempo e, ademais o que dicía, cremos que se puideron evitar; por iso queda un sentimento de frustración".

Cre que a xente non é moi consciente do sufrimento que se pasa nestas unidades hospitalarias, é doloroso para os doentes, para as súas familias, que non poden entrar a velos, e tamén para os profesionais, que só poden coidalos e acompañalos.

Noticias web

01/02/2021