CRTVG

Buscar

Entramos na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán

Publicado o 12/05/2021 21:03

Estamos na Coruña, pero non estamos na Coruña. Estamos en Marineda.

"Moita xente descoñece que Marineda é o topónimo, o nome que Emilia Pardo Bazán utilizaba nas súas obras como sinónimo da Coruña", explica Joaquín, guía de Turismo, ás portas do edificio.

E entramos na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán da man de Xulia, a súa conservadora: "Cando un visita unha casa-museo necesita atoparse cunha pantasma, necesita ver algo da esencia da persoa que vivu aquí, que a habitou".

O recibidor. O espazo onde a familia se presenta con obxectos. "A min encántame este tapiz. Leva 550 anos mirándonos. Imaxina tal puidemos cambiar diante del...".

O salón. Aquí dona Emilia recibía. "Cada personaxe importante que viña á Coruña viña á casa de Pardo Bazán". Aquí voaban conversas literarias. "Hai aquí un poema de Antonio de la Iglesia e pon: 'Nestas veladas espértanse / os espíritos que dormían".

"Esa Pardo Bazán! Unha marabilla de retrato. É o 87, ela está separada dende o 84. Xa acaba de demostrar todo o que tiña dentro. Nin pide permiso nin pide perdón: acaba de escribir 'Los pazos de Ulloa".

Os seus escritos trouxéronlle eloxios de toda Europa. A súa voz abriu camiños para a muller. "Aí está dando a primeira conferencia sobre o espiritualismo ruso en España".

Intensa na vida social, no desexo e no traballo. "Nas cartas a Galdós fálalle de que ten 15 cuartillas diarias como meta".

E aquí escribía. Coa igrexa de Santiago na fiestra e nos ollos as estatuas que flanquean a porta mirándose. "Cando a lúa está dándolles as pedras recobran vida e dialogan. E ela escribe: 'Eternamente separadas a guisa de almas enamoradas que no pueden jamás reunirse".

Vemos a dona Emilia en imaxes da Filmoteca Española. Quería ela que a enterrasen en Meirás, pero repousa en Madrid. Na Coruña, na Casa-Museo habita a súa pantasma, que se multiplica coa lectura.
 

Noticias web

12/05/2021