CRTVG

Buscar

Entra en vigor este martes a factura da luz por tramos horarios

Publicado o 31/05/2021 14:49

Neste mes de maio pagaremos pola luz como nunca antes na historia. Segundo Facua, o usuario medio vai recibir unha factura de 82 euros, 26 euros máis cara ca a do ano pasado.

A maiores, mañá entra en vigor a tarifa por tramos. Son tres. A máis cara, de dez da mañá a dúas da tarde e de seis a dez da noite. A tarifa intermedia é de oito a dez da mañá, de dúas a seis da tarde e de dez a doce da noite. A máis barata, dende a medianoite ata as oito da mañá, ademais de festivos e fins de semana. Estes cambios aplícanse automaticamente aos consumidores con tarifa regulada. Os do mercado libre deberán consultar o seu contrato.

O Goberno quere que cambiemos hábitos domésticos, pero na rúa ven difícil combinar estes tramos cos horarios laborais e de conciliación. Para Facua, o novo sistema tarifario denigra os consumidores máis vulnerables e pide que se dea marcha atrás.

O seu secretario xeral asegurou nunha entrevista na TVG que "é unha tomadura de pelo proxectar a idea de que se nos chega unha factura da luz moi cara é pola nosa culpa, porque non pranchamos de madrugada". Para Rubén Sánchez, "é o Goberno o que tería que valorar que non está facendo ben as cousas".

Noticias web

31/05/2021