CRTVG

Buscar

O lobo é desde hoxe unha especie vetada para a caza entre queixas dos gandeiros

Publicado o 22/09/2021 08:44

Cazar o lobo está prohibido desde hoxe, tras a publicación no BOE da orde ministerial que inclúe o lobo ibérico na listaxe de especies en réxime de protección especial.

A nova normativa recolle excepcións á prohibición. As comunidades autónomas poderán autorizar batidas en varios supostos como por exemplo se o lobo causa danos recorrentes e significativos. 

A Xunta calcula que en Galicia hai menos dun milleiro de lobos, repartidos en 90 mandas. Segundo as cifras oficiais, en 2019 causaron máis de dous mil danos a cabras, ovellas, vacas e  cabalos. E nos últimos 13 anos cazáronse 17 lobos en batidas autorizadas.

Ata agora a caza do lobo permitíase en Galicia e nas outras comunidades situadas ao norte do río Douro, onde habita a inmensa maioría dos exemplares. 

Ademais do Goberno galego, os de Asturias, Cantabria e Castela e León estudan a posibilidade de recorrer por vía xudicial contra a inclusión do lobo na listaxe de especies vulnerables.

 

Noticias web

22/09/2021