Entra en vigor a nova lei que elimina a tutelaxe das persoas con algunha discapacidade
"As persoas con discapacidade simplemente son persoas cos mesmos dereitos e obrigas que as demais e teñen que ser tratadas como tales. Non é unha cuestión de opinións, é unha cuestión de Dereitos Humanos", di Maripaz García Rubio, catedrática de Dereito Civil da Universidade de Santiago. Ela participou na elaboración da lei, e no vídeo difundido pola Federación Down Galicia explica as novidades desta lei para as persoas con discapacidade.
Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia, asegura: "Agora ábrese a posibilidade de que se fagan traxes a medida. Cada persoa é diferente, cada persoa ten unhas dificultades ou outras ou ningunha, e o marco legal terá que dar cobertura a esa realidade".
Xa non se poderá incapacitar as persoas e poñerlles un titor polo simple feito de teren algunha discapacidade. E ante a preocupación das familias polo futuro, Delmiro Prieto di: "En Galicia contamos cuns notarios moi formados, preparados e sensibilizados que van ser un apoio importante e fundamental para as familias que teñan dúbidas sobre que facer no futuro respecto dos fillos, irmáns, pais...".
As asociacións tamén dispoñen de técnicos formados para asesorar sobre os pasos que cómpre seguir e a onde acudir para resolver dúbidas. Esperan que a adaptación á nova lei vai acabar cambiando toda a sociedade.