CRTVG

Buscar

Gonzalo García: "Non deberiamos volver ao traballo 100 % presencial"

Publicado o 28/04/2021 12:19

Nun recente documento sobre a covid-19 e o seu impacto nas xeracións máis novas, o Banco de España conclúe que foron as máis afectadas pola pandemia. Segundo o director de Economía da consultora Analistas Financeiros Internacionais (AFI), Gonzalo García, a mocidade foi a que máis sufriu as consecuencias desta crise e da financeira do ano 2008.

Nunha entrevista no informativo Bos días da Televisión de Galicia, amósase partidario de centrar os esforzos no apoio ao alugueiro para facilitar o acceso á vivenda desta parte da sociedade. Na súa opinión, hai que ampliar a oferta para que haxa "unha maior capacidade de elección a un prezo accesible".

Respecto ao mercado laboral, pensa que "ninguén pode estar satisfeito de como funciona en España" e "hai moito que mellorar para abordar o problema fundamental que é a dualidade". Segundo explica, hai unha parte da poboación activa con contratos estables e un terzo, onde hai moita mocidade, con contratos temporais ou a tempo parcial que entran e saen do desemprego.

Gonzalo García considera necesario que estas persoas "vaian entrando nunha fase de estabilidade" onde "as empresas poidan investir en formación" porque é beneficioso para todo o mundo. A precariedade, lembra, non propicia a formación de novos fogares e potencia a baixada da natalidade.

Para o analista, outra materia pendente é o reforzo da formación profesional, pero tamén a ampliación das posibilidades do alumnado universitario para compaxinar estudo e traballo.

As vantaxes do teletraballo

No que se refire á presencialidade laboral, ten claro que a pandemia demostrou que non é imprescindible. "Serviu para demostrar que, nunha gran parte da economía, se pode teletraballar sen que se resista o funcionamento da empresa ou da Administración", asegura.

Dende o seu punto de vista, "non deberiamos volver a unha situación do 100 % presencial" e aproveitar o experimento para manter a flexibilidade e apostar, sempre que sexa posible, polo "teletraballo como ferramenta de produtividade, conciliación e mellora da calidade de vida".

Sobre a fiscalidade, Gonzalo García confía no comité experto que se acaba de formar para abordar unha reforma en profundidade. Neste sentido, subliña que se trata dun problema estrutural que xa existía porque "non xeramos ingresos suficientes para financiar o estado de benestar". Porén, estima que agora a prioridade é a vacinación e a recuperación da economía e do emprego.