Enfróntase a 8 anos de cárcere por violencia machista
Na sección primeira da Audiencia da Coruña celebrouse o xuízo contra este home que está en prisión provisional desde agosto de 2019.Foi daquela cando a que era a súa ex-parella o acusou de causarlle lesións nunha cadeira e deixala encerrada nun establecemento comercial da familia del en Aldán.
No xuízo recoñeceron que pasaran alí a noite xuntos de mutuo acordo, pese a que el xa tiña unha orde xudicial que lle prohibía achegarse a ela.
A avogada que representa a vítima acúsao de quebrantamento de condena, lesións e detención ilegal, delitos polos que pide que o condenen a un total de oito anos de cárcere.
O fiscal, que de principio o acusaba dos mesmos delitos, cambiou o de detención ilegal polo de coaccións leves, que supón unha redución considerable da pena de prisión.
O procesado negou que agredira a súa ex-parella. Dixo que a deixara no local para ir comprar comida e que el foi o primeiro sorprendido pola denuncia.