"Enfermera Saturada" confía en que nos liberaremos da máscara proximamente
Son dezanove meses convivindo coa pandemia e crecen as ansias por avanzar cara á normalidade. Un dos divulgadores sanitarios máis seguidos, o galego Héctor Castiñeira, coñecido polo seu alter ego literario Enfermera Saturada, subliña que debemos ser cautos, pero é optimista.
"Temos que ir liberando medidas, volvendo a esa normalidade á que estamos desexando volver pero cun ollo posto na incidencia. Entón, segundo a incidencia que vexamos, haberá que abrir ou pechar máis a man. Pero eu son optimista e penso que nas próximas semanas, nos próximos meses, irémonos esquecendo xa das máscaras e doutras medidas, progresivamente", vaticina.
Héctor acaba de publicar outro libro, Orgullo enfermero, unha homenaxe aos que participaron e seguen participando na campaña de vacinación, incluída a poboación, á que tamén considera protagonista do logro.
"Aínda que hai un sector da sociedade que se chama antivacinas e fai moito ruído, son moi poucos, porque, como vemos, a xente acudiu a poñer a primeira, a segunda e agora xa está chamando aos centros de saúde para preguntar pola terceira dose", explica.