Enfado dos turistas cando non lles deixan acceder ao Fuciño do Porco por non teren reserva
O Concello do Vicedo durante os meses de verán controla o acceso de visitantes ao Fuciño do Porco, un lugar que ten limitado o seu acceso a 50 persoas cada 45 minutos de 9 da mañá a 9 da noite.
Hai que ter en conta que, dende o aparcadoiro e ata o punto de control hai uns 20 minutos de camiñada, un percorrido que moita xente fai sen ter a entrada, e cando chegan ao acceso e os informan de que non poden pasar é cando lles chega o enfado.
Para conseguir os pases de acceso hai que facelo a través da web puntafucinodoporco.gal. As reservas son de balde e esta mañá as primeiras prazas que quedaban eran para o día 28 de agosto.
En total ofrécense 850 pases aos día, e o sistema de control comezou a funcionar o ano pasado promovido polo Concello do Vicedo. É un xeito de coidar a contorna e tamén axuda moito a manter as distancias de seguridade nestes tempos de pandemia.
O 1 de setembro remata o control do acceso.