CRTVG

Buscar

Enerfín construirá unha planta de hidróxeno no porto da Coruña

Publicado o 17/06/2021 12:27
Enerfín construirá unha planta de hidróxeno no porto da Coruña

Elecnor, a través da súa filial Enerfín, presentou ante a Autoridade Portuaria da Coruña unha solicitude de concesión administrativa para construír e operar unha planta de produción de hidróxeno verde no porto exterior, concretamente, en Punta Lagosteira.

A planta, que podería estar operativa a finais de 2023, producirá hidróxeno mediante electrólise a partir de moléculas de auga e electricidade de orixe renovable e contará cunha estación de reposición para vehículos a hidróxeno, segundo explicou a compañía.

O proxecto integra a iniciativa 'A Coruña Green Port', impulsada pola Autoridade Portuaria da Coruña co obxectivo de converterse nun hub de descarbonización e nun punto de referencia de subministración de H2 verde na rexión.

O hidróxeno producido terá diversas aplicacións, como o transporte de vehículos pesados e maquinaria portuaria con pila de combustible, ou procesos industriais.

Enerfín presentou a iniciativa o pasado mes de decembro, logo de que o Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico manifestara o seu interese en recompilar proxectos deste tipo.

A filial, propiedade 100 % de Elecnor, conta con máis de 20 anos de experiencia na promoción, desenvolvemento, construción e explotación de proxectos de enerxías renovables. Actualmente opera 1.227 MW de enerxía eólica en España (495 MW), Brasil (632 MW) e Canadá (100 MW) cunha produción de 3.500  GWh/ano capaz de abastecer a máis 1,5 millóns de fogares.

Noticias web

17/06/2021