CRTVG

Buscar

Encontro entre mulleres emprendedoras na colexiata de Xunqueira de Ambía

Publicado o 22/05/2021 20:57

O Xacobeo segue facendo camiño malia as restricións, botando man das novas tecnoloxías. Tres emprendedoras galegas -a actriz Nerea Barros, a zoqueira Elena Ferro e a enóloga Iria Otero- participaron esta tarde nunha conversa sobre o empoderamento da muller en Galicia. Fixérono nun escenario privilexiado.

A colexiata de Xunqueira de Ambía, unha das xoias máis descoñecidas do camiño da Prata, foi o escenario desta terceira edición de Peregrinas.

"Achegar a moita xente lugares que ás veces non temos en conta se non facemos o camiño", di Nerea Barros.

Nerea Barros, a faciana máis popular polos seus éxitos na pequena e na gran pantalla, sumou a súa voz á de Elena Ferro, a zoqueira máis fashion de Galicia, e Iria Otero, enóloga que está a revolucionar o sector do viño sen esconder o nome tras os homes da casa, como viña sucedendo historicamente no rural galego.

"Eu creo que é un bo xeito de promocionar o emprendemento e visualizar mulleres que estamos facendo o noso propio proxecto en Galicia", comenta Iria Otero.

"Que a xente vexa os diferentes proxectos das mulleres galegas", subliña Elena Ferro.,

De paso, fan promoción do Xacobeo a través das redes sociais, a alternativa ás limitacións impostas pola pandemia.

Nava Castro, Directora de Turismo de Galicia: "Acabamos de vir de Fitur e, sinceiramente, toda a xente está emocionada por vir a Galicia, darlle unha aperta ao apóstolo cando se poida, vir a Galicia e facer o camiño".

Hai programados dez encontros coma este, en distintos escenarios do camiño.

Noticias web

22/05/2021