CRTVG

Buscar

Ence escoitará alternativas de localización pero avisa de que "non é viable"

Publicado o 22/04/2021 16:51

Este xoves é día de analizar a reunión sobre Ence de onte á tarde en Madrid. As posturas seguen lonxe de achegarse. A empresa comprométese por primeira vez a escoitar alternativas á súa localización actual na ría, pero deixa claro que neste momento o traslado é inviable.

A mesa de traballo acabou sen acordo entre as partes implicadas, que tampouco conseguiron achegar posturas. A través dun comunicado, a dirección de Ence comprométese por primeira vez a escoitar alternativas á súa localización, pero advirte de que neste momento o traslado é inviable. Unha postura que comparten os representantes dos traballadores.

Pola súa banda, a Xunta de Galicia esixe ao Goberno central que ofreza unha solución ao conflito.

A ministra dixo exercer de mediadora a petición dos traballadores e vencellou o futuro da fábrica na ría de Pontevedra á decisión da Audiencia Nacional sobre o recurso interposto por Greenpeace, a Asociación pola Defensa da Ría e o Concello de Pontevedra contra a prórroga da concesión ata 2073.

Coa causa xudicial contra a prórroga da empresa como pano de fondo, a ministra para a Transición Ecolóxica ve conveniente abrir novos escenarios.

As partes implicadas volverán reunirse para tratar de despexar o fururo da compañía, que dá emprego a cinco mil persoas entre postos directos e indirectos.

 

Noticias web

22/04/2021