En xuño cambia a facturación da electricidade
Dende xuño temos que ter moi claro que a luz nos sairá máis cara en función da hora do día. Saquen un calendario horario, apunten e pégueno na neveira porque é un xeroglífico.
Anoten tres tarifas diferentes: unha moi cara, entre as 10 da mañá e as 2 da tarde, cando preparamos o xantar, e entre as 6 da tarde e as 10 da noite, cando estamos coas ceas.
Apunten a segunda tarifa, de prezo intermedio. Esa será a electricidade que usamos entre as 8 e as 10 da mañá, das 2 ás 6 da tarde e das 10 ás 12 da noite.
E memoricen a terceira, porque é a máis barata, que coincide coas horas en que durmimos. Será o consumo dende as 12 da noite ata as 8 da mañá. E tamén durante as fins de semana e festivos.
Así que, se queremos pagar menos pola factura da luz, non nos vai quedar outra que poñer a lavadora ou a lavalouza pola noite e cociñar durante a fin de semana unicamente.
A OCU teno claro: estas novas tarifas prexudican os fogares e os pequenos consumidores. O resultado global será que no horario caro o prezo final pode ser o triplo que o máis barato.
E o único modo de rebaixar a factura será diminuíndo a potencia contratada, que é a que nos permite ter máis electrodomésticos en marcha a un tempo.