CRTVG

Buscar

En Portosín descargan miles de quilos de bocarte a diario

Publicado o 28/08/2020 14:21

Son días de moito traballo no peirao de Portosín. A existencia dun banco de bocarte na costa galega trouxo ata aquí barcos de Cantabria e do País Vasco, que é onde adoita iniciarse esta costeira.

José Blanco, armador do cerco: "Por culpa da covid-19 paramos un mes, non puidemos ir ao mar alí, pecharon as fábricas. Ese mes foi malo, que non se gañou, pero, se cadra, por iso chegou aquí, porque se non non tiñamos nin cota nin bocarte".

Desde hai dúas semanas, moitos barcos descargan as súas capturas en Portosín. Teñen oito mil quilos de cota cada un. Un día bo foi este mércores. Só aquí descargáronse 135.000 quilos de bocarte, que se venderon por máis de 200.000 euros. 

O peixe é grande e gordo. Vai case todo para conserva. Para o sector do cerco é un respiro.

José Blanco, armador do cerco: "A ver se temos sorte de que aguante un mes por aquí. Agora acabouse a cota de sardiña e se vai toda a frota ao xurelo non vale nada". 

Isaac Gaciño, vicepatrón maior de Portosín: "Este boom da anchoa trae máis traballo para a confraría e máis ganancias. É unha cadea que nos vai axudar a acabar o ano ben".

Con tanto movemento de barcos, o porto queda pequeno.

Isaac Gaciño, vicepatrón maior de Portosín: "Temos pedido na Xunta un par de prazas máis de atraque para ter maior comodidade. Tamén unhas torres de iluminación e que nos draguen o porto, porque coa marea baixa os barcos grandes tocan no fondo".

A fábrica de xeo tamén se viu superada e houbo que traelo doutros portos, o mesmo que as caixas para o peixe.

Noticias web

28/08/2020