CRTVG

Buscar

En Meis un incendio provoca graves perdas nunha nave de embarcacións

Publicado o 24/04/2019 21:35

En Meis, un incendio deixa graves perdas materiais nunha nave que estaba abandonada pero que no seu interior gardaba varias embarcacións. As primeiras investigacións apuntan a que o lume puido ser intencionado. 

O 112 daba o aviso sobre as nove da mañá deste mércoires do incendio nunha nave sen actividade no lugar da Armenteira, en Meis. Ata alí desprazáronse tres dotacións de bombeiros, efectivos da Garda Civil e Protección Civil.

Segundo os bombeiros, é probable que o lume se orixinase de noite, xa que levaba varias horas ardendo cando chegaron á nave. No seu interior, de dous pisos, albergaba lanchas, polo que a presenza de certos materiais e combustibles dificultaron as tarefas de extinción.

Por sorte, conseguiron confinar o lume no interior sen que chegase a propagarse por todo o recinto, rodeado completamente por monte. Aínda que a orixe do lume aínda non está clara, as primeiras pesquisas apuntan a que podería ser intencionado.

Noticias web

24/04/2019