CRTVG

Buscar

En Marea segue coas primarias e Podemos, Anova e EU negocian unha coalición

Publicado o 04/03/2019 15:13

En Marea confirmou hoxe os seus candidatos nas primarias para as xerais, todos afíns a Villares. Entre os nomes destacan o da vicevoceira do partido, Ana Seijas, o do deputado Pancho Casal, pola Coruña, ou o da concelleira en Lugo Cristina Pérez.

Luís Villares asegura que "dende En Marea témolo moi claro, os candidatos escóllenos as persoas inscritas nunhas primarias que son abertas a toda a cidadanía".

E mentres tanto, Podemos, Anova e Esquerda Unida negocian por separado a súa propia coalición. Eva Solla asegurou que estaban traballando para reeditar o acordo de 2016.

"Por agora non recibimos ningún tipo de comunicación de En Marea, pero o que indican os medios de comunicación é que eles xa teñen unha candidatura e candidatos presentados", engadiu a coordinadora nacional de Esquerda Unida.

Dende a Marea Atlántica fan un último chamamento para evitar que as dúas listas compitan entre si. Xulio Ferreiro, o alcalde da Coruña, cre que "cómpre facer un esforzo de aquí a que remate o prazo legal para poder ir todos xuntos nunha única candidatura".

O prazo para rexistrar coalicións electorais remata o 15 de marzo.

Noticias web

04/03/2019