En Marea poderá escoller senador malia a ruptura do grupo parlamentario
A pesar da ruptura o que queda do Grupo Parlamentario de En Marea mantén o dereito a escoller un senador por desginación autonomica. Luís Villares e outros tres deputados formalizaron a petición de pasar ao Grupo Mixto.
A Mesa do Parlamento decidiu que o Grupo de En Marea mantén o dereito a escoller un senador por designación autonómica aínda que tras a escisión xa non son o principal partido da oposición. Os letrados da cámara entenden que o dereito o adquiriron cando comezou o procedemento e a ruptura foi posterior.
De feito será oficial o luns. Despois de solicitar o paso ao Grupo Mixto canda outros tres deputados, Villares pediulles aos críticos que cambien o nome do grupo parlamentario.
"Unha vez que o secretario xeral de Podemos Galicia manifestou a vontade de chamarse Galicia en Común pois que eles utilicen esa denominación e nós poidamos utilizar a de En Marea no Grupo Mixto", dixo Villares
Villares acusa a Podemos da ruptura por exercer unha purga ideolóxica, di, co seguidismo de Anova e Esquerda Unida. Unha acusación que rexeitan os críticos.
"Tratar de sinalar un cabeza de turco é unha distracción que non leva a ningunha parte. O espazo político é moito máis plural do que pretende a dirección de En Marea", di Luca Chao, deputada de En Marea e membro de Podemos.
A renuncia da deputada Flora Miranda podería permitir a entrada doutra parlamentaria afín aos de Villares. Nese caso serían cinco e poderían conformar un grupo propio a partir de setembro.