CRTVG

Buscar

Galicia estuda a reapertura do ocio nocturno a principios do verán con probas en maio

Publicado o 18/04/2021 21:34

• Haberá ensaios piloto nun mes en pubs e discotecas | Alegría e cautela entre os empresarios ante a posible reapertura no verán do ocio nocturno

 

A sede electrónica da Xunta chegou a contabilizar ata 150 peticións cada cinco minutos. Doce horas despois de abrir o prazo para solicitalos, xa estaban esgotados todos os bonos turísticos, que subvencionan parte dos gastos en case 700 establecementos hostaleiros galegos. O Goberno confía en que xa se poidan usar a finais de maio e non descarta unha terceira edición.

"Pero eu recordo que isto era unha medida de empurrón, de primeira etapa para que todo volvese funcionar con normalidade; se vemos que é necesario porque segue habendo restricións e o sector non acaba de arrancar, podemos consideralo", di Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta.

Bares e cafeterías esperan poder abrir ata máis tarde. A Xunta cre que será o seguinte paso, agora que os restaurantes xa poden ofrecer ceas. Máis cauta será a desescalada no sector do ocio nocturno, xa que son espazos pechados e polo seus horarios, abrilos implica unha redución do toque de recollida. Antes van facer probas para ver en que condicións sería esa apertura.

"Falamos de facelas, se a situación sanitaria se segue consolidando, no horizonte dun mes, a ver como se podía funcionar, baixo que condicións, restritivas en principio para que chegue o momento en que tamén poida funcionar con certa normalidade, e nós marcamos ese horizonte, falamos de principios de verán polo menos para que empecen a funcionar", engade Alfonso Rueda.

O vicepresidente da Xunta conta con que a finais de abril se complete o pagamento das axudas directas concedidas aos sectores afectados pola pandemia, dentro do segundo plan de rescate, dotado con 75 millóns de euros.

Noticias web

18/04/2021