En liberdade o empresario lugués ao que detiveron nunha operación contra o tráfico de armas
Publicado o 22/06/2020 13:45

O empresario que fora detido en Lugo nunha operación contra o tráfico de armas xa se encontra en liberdade. Tras prestar declaración, o xuíz decretou a súa posta en liberdade coa medida cautelar de ir asinar dúas veces ao mes aos xulgados e probar así que segue estando localizable.
No rexistro da súa vivenda, en que participaron numerosos axentes da Policía Nacional chegados dende Madrid, fóranlle comisadas numerosas caixas con armas de calibre longo, que o investigado podería empregar para participar en competicións de tiro.