En liberdade con cargos o detido por unha agresión cunha muleta no centro de Lugo
Unha pelexa en Lugo, en que se viron involucrados tres homes, rematou cun deles detido e con outro no hospital. A lea comezou, por causas que se descoñecen, nun extremo da rúa Bispo Aguirre, no centro da cidade. Un dos implicados supostamente utilizou como arma a muleta que levaba, coa que golpeou o outro no nariz. Ademais, presuntamente ameazouno cunha navalla de oito centímetros, que os axentes da Policía Local que o prenderon atoparon oculta nun paraugas.
"Estaba tan tranquila a traballar e, de supeto, escoitei ruído, pois andaban a golpes contra este cristal mentres pelexaban. Facían moito ruído", di a dependenta dun negocio.
O altercado rexistrouse, a última hora da tarde, nunha rúa céntrica, polo que chamou a atención de moitos veciños. De feito, foron os propios residentes na zona os que deron aviso á policía.
"Pelexas coma esta, que ma comentaron os compañeiros, non son habituais", sinala un camareiro. "Despois viñeron dúas patrullas da policía e unha ambulancia. Penso que eran tres señores", engade a dependenta.
O home que quedou ferido tivo que ser trasladado nunha ambulancia ao HULA, mentres que o presunto agresor quedou en liberdade con cargos.