CRTVG

Buscar

En Isorna, o Ulla agocha as testemuñas da época dos areeiros

Publicado o 02/11/2020 14:11

En Isorna, en Rianxo, son visibles elementos que lembran os traballos de extracción de area do río Ulla. Foron tempos de moito movemento económico na zona que remataron hai máis de trinta anos, pero permanecen na memoria destes rianxeiros.

"É marabilloso. Non é riqueza é marabilloso. Acórdome de rapaza que iamos ás anguías". Estas gabanzas ao Ulla fainas Beatriz, veciña de Isorna, que ten outro argumento bo para falar así do río. O seu home foi patrón dun areeiro nos anos en que esta parroquia rianxeira viviu o seu esplendor económico coa extracción de áridos do leito do Ulla. Eran os anos sesenta e setenta do século pasado, coa obra pública e a construción demandando material.

"Vendíase moita area. Estaban os camións agardando en ringleiras por todas as ramplas para saír uns e cargar outros e había veces que nin a area lles chegaba", di Beatriz Romero Cerqueiras, viúva de patrón de areeiro.

En gran parte dos fogares de Isorna entraban, en maior ou menor medida, cartos polo traballo nos areeiros. Ata que os obrigaron a parar polo prexuízo ambiental e, concretamente, para o marisqueo. 

"Nós concretamente, somos catro irmáns dos que tres estabamos involucrados directamente neste traballo con meu pai, pois, mercamos outro tipo de barcos, coma este para traballar na dragaxe de portos e seguir vivindo...", conta José María Vidal Mariño, quen aballou na carga e descarga de area.

"Despois o meu home cando pechou aquí marchou para unha compañía que había da Coruña que o viñeron buscar". "Había moita vida aquí. Disto vivía moita xente. Non só os da zona. Había moita xente que viña, camioneiros, vivían os bares. Había moito movemento daquela e daba moita vida". "Eran moitas areeiras, porque había en Cesures, aquí había catro ou cinco. Para Isorna isto foi un pau".

Lembrando os areeiros, José María, conclúe cun dato que fala por si só. "Agora mesmo isto cambiou moito. Ata, non sei se tamén inflúe o da pandemia, non temos nin un bar. Quedamos sen bares en Isorna, cando chegou a haber cinco ou seis". "Para Isorna o río foi unha marabilla; entre o arresteo, despois a area e todo iso, foi o que levantou... Pero vaia".

E algúns dos barcos participantes de aquel esplendor vanse esvaecendo na auga do Ulla.

Noticias web

02/11/2020