CRTVG

Buscar

En Faxilde, en Vilagarcía, quedan sen as ceas das festas por tres apagamentos en sete días

Publicado o 08/01/2021 13:37

No lugar de Faxilde, en Vilagarcía, a metade dos veciños comezaron o ano sen luz e seguiron tendo problemas. Rexistraron tres apagamentos en tan só sete días. Esta circunstancia sería suficiente para anoxar a calquera, pero para máis inri coincidiu coas ceas das festas. Todo un encordio para familias enteiras.

En Faxilde hai cables de sobra para esparexer a luz polos fogares do lugar, que dista escasos quilómetros do núcleo de Vilagarcía. Pero non só chega coa instalación. Deben ter subministración. E iso mesmo foi o que estivo fallando intermitentemente dende o remate do ano, xusto nos momentos en que hai máis consumo. Aínda que o certo é que a duración deses apagamentos foi cada vez menor.

Angel Villanueva, da Asociación de Veciños de Faxilde, conta que "se lles estragou a preparación da cea, moita xente tivo que cambiar de menú ou cear á luz das candeas. O día de Noitevella. A noite de Reis volveu pasar o mesmo. Foi máis curto, dende as dez ata ago máis das once. Son as horas de máis consumo polas calefaccións polo frío que vai, e cos fornos e cociñas preparando as ceas destes festivos".

Un dos afectados di: "O primeiro que fixemos foi comer a uvas e despois cear. Acabamos sobre as tres da mañá. E por se fose pouco, chega a noite de Reis e o mesmo. Volveron cortar a luz. Os dous días unha noite sen vento, nin temporal, que todos nos sorprendemos, non foi normal".

Ao parecer, a empresa subministradora dixo que xa modificara o transformador situado xunto ao colexio de Vilaxoán, que lle dá servicio a Faxilde, solucionando así o problema.

Noticias web

08/01/2021