O Deportivo cumpre na Copa co Illueca (0-2)
Os entusiastas deportivistas que se achegaron ao campo do Papa Luna marcharon cunha sensación descoñecida: a de ver o seu equipo gañar por fin. A primeira ocasión foi para os coruñeses. Beto gáñalle as costas á defensa aragonesa pero é incapaz de rematar sequera entre os tres paus nunha posición que semellaba cómoda.
O Illueca é o oitavo clasificado do seu grupo da Terceira División. Non é, pois, un virtuoso do fútbol. Pero, aínda así, foi quen de crear ao seu xeito máis perigo. Ben sexa a balón parado ou aproveitando as imprecisións entre Koke Vegas e a súa defensa ou mesmo con xogadas de mérito con perigo. Bastante máis no primeira metade que os de Luis César. E a continuación empezou cun sobresalto.
Un gol de Illueca ben anulado por fóra de xogo. Luis César foi metendo dianteiros ata acabar con Koné, Cristian Santos, Longo e Mollejo. Había que buscar o gol e chegou dende os once metros logo dunhas mans dentro da área aragonesa. E tan só un minuto despois chegou o segundo. Roubo de Koné, que define diante do porteiro do Illueca. Por suposto, non todo ía ser tan bo e o dianteiro marfilés non puido rematar o partido. Dobre cartón amarelo. Unha pequena peaxe pola primeira vitoria en 20 encontros.