CRTVG

Buscar

O Bergantiños despídese da copa logo dunha resistencia heroica ante o Sevilla

Publicado o 18/12/2019 20:45

O Bergantiños deuse a homenaxe de xogar en Riazor contra todo un Sevilla. Non foi quen de completar a heroicidade de eliminar o equipo andaluz, porque o conxunto de Lopetegui non tardou en se poñer por diante á saída dun córner. Tentou o equipo de Borja Facar responder pronto pero non foi quen de pór en apuros ao gardameta sevillsta. E o Sevilla ameazaba unha e outra vez, Chicharito marcou pero facéndolle falta ao porteiro do Bergantiños.

Non foi a mellor tarde do goleador mexicano que dispuxo de varias opcións claras. Agulló dende a distancia probou a Bono e Kouné tamén o tentou antes do descanso. Saíu o Sevilla a sentenciar no recomezo e encadeou ocasións na portería defendida por Cristopher, pero o Bergantiños aguantou como puido as acometidas do conxunto de Lopetegui. Dabbur mandou un balón ao pau, Chicharito puxo en apuros ao porteiro de Carballo, Jordán mandou unha falta que se foi envelendando.

O Sevilla nunha noite de cans quería resolver a eliminatoria dunha vez. Protagonizou o Bergantiño unha resistencia heroica e cando puido tamén se atreveu a buscar a portería do Sevilla. Puido Diego no 91 mandar o partido á prórroga. Pero o soño dunha noite de copa e invernía rematou aí para o Bergantiños.