CRTVG

Buscar

"En dez días saberemos se é verdade o que di a ministra e se hai viabilidade para Alcoa", di o presidente do comité

Publicado o 24/07/2020 10:54
"En dez días saberemos se é verdade o que di a ministra e se hai viabilidade para Alcoa", di o presidente do comité

O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, afirmou que dentro "de dez días" se saberá se o acordo alcanzado onte coa dirección da multinacional para prorrogar ata o 4 de agosto o período de consultas do ere que pode deixar na rúa máis de cincocentos traballadores da planta de aluminio primario é en realidade "unha tregua ou unha penitencia máis".

En declaracións a EFE, Zan afirmou que estes "dez días" que quedan por diante servirán para determinar se "realmente hai unha posibilidade" para que a fábrica de San Cibrao manteña o 100 % da produción, e consecuentemente a totalidade dos postos de traballo, ou se "prorrogamos as consultas para nada".

"En dez días saberemos se é verdade o que di a ministra" de Industria, dixo Zan, e realmente hai un investidor interesado en comprar a fábrica e un socio enerxético para garantir un prezo competitivo da enerxía.

Nese tempo, opina que o Ministerio ten que presentar "un plan industrial, claro e factible", ademais de "obrigar a Alcoa a vender a planta", para garantir a produción.

Espera que nestes días chegue "certeza sobre o futuro da Mariña lucense".