En corentena nove tripulantes do Esperanza del Mar, atracado no porto de Vigo

Un total de nove tripulantes do buque hospital Esperanza del Mar, do Instituto da Seguridade Social da Mariña, gardan corentena a bordo da embarcación, atracada no Porto de Vigo, por un gromo de covid-19 con catro casos confirmados. Os cinco restantes, segundo informaron fontes gobernamentais, son contactos estreitos dos infectados.
A outros 19 tripulantes levantáronlles hoxe a corentena, sinalan as fontes. O pasado 19 de xaneiro os tests de antíxenos realizados á tripulación do Esperanza del Mar detectaron unha decena de casos sospeitosos, pendentes de confirmar a través de PCR, cando o buque estaba fondeado fronte ás illas Cíes.
O Esperanza del Mar e o Juan de la Cosa son dous buques propiedade do Estado que prestan asistencia sanitaria a calquera barco que o solicite e se atope dentro da súa área de cobertura, facilitando tanto a consulta por radio, ambulatoria e mesmo a hospitalización a bordo dos pacientes cando é así prescrita.
Se a gravidade do caso o require, tamén realizan a evacuación a terra do enfermo no medio máis adecuado e rápido posible. Tamén prestan apoio loxístico de emerxencia, como desenganche de redes, servizo de mergulladores ou reparacións eléctrica aos barcos españois que o precisen e, mesmo, a recollida de náufragos.