CRTVG

Buscar

En Común reprocha a Feijóo a súa política de "desprotección" na vivenda

Publicado o 20/04/2020 07:23
En Común reprocha a Feijóo a súa política de "desprotección" na vivenda

O portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, reprochou este domingo ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a súa xestión en vivenda, marcada -ao seu parecer- pola "desprotección".

O líder de En Común empregou a súa intervención na reunión dos portavoces das formacións políticas galegas para mostrar a súa "preocupación pola falta de política de vivenda" e mais pola carta que a conselleira de Vivenda remitiu o pasado 13 de abril ao Ministerio de Transportes na que, ao seu xuízo, a Xunta desprotexía os arrendatarios fronte aos arrendadores.

Para Gómez Reino, esa misiva mostra que "os case 150.000 galegos e galegas que teñen un contrato de alugueiro non están protexidos por un goberno, o galego, que lles dá as costas".

En Común pide que a conselleira Ángeles Vázquez compareza ante a Deputación Permanente do Parlamento de Galicia para dar conta das medidas que tomará para protexer o dereito á vivenda de todos os galegos.

"As administracións deben tomar medidas para protexer a todos aqueles que carecen de recursos ou que viron minguar os seus ingresos económicos por motivos desta pandemia", insistiu Gómez-Reino ante Núñez Feijóo.