CRTVG

Buscar

En Común pide elevar o orzamento de Cultura ata o 0,25 do PIB

Publicado o 09/04/2020 16:40

O portavoz de Galicia en Común-Anova-Mareas, Antón Gómez Reino, pediu este xoves "apoio decidido por parte das administracións públicas ao noso sector cultural" e que, no caso da Xunta debe comezar por elevar o orzamento destinado a cultura ata o 0,25 %. Nunha conferencia de prensa telemática, incidiu que chegar a esa porcentaxe sería situar o investimento en cultura ao nivel do que se destinaba en 2009 co Goberno bipartito mentres que agora, dixo, non chega ao 0,12 %. Gómez-Reino lamentou o golpe que a pandemia de coronavirus supuxo para o sector cultural polo que require un paquete decidido de axudas e non o "abandono" que vive ata a data.

O líder de En Común detallou as propostas da coalición para este sector e destacou a necesidade de incluír nas bases das convocatorias de subvencións anticipos de ata o 80 % para que o sector poida ter liquidez e afrontar con garantías os próximos meses, adiantando cachées/cachés daqueles eventos que tiveron que ser cancelados ou reprogramados. Ademais, piden implementar medidas de compensación de perdas previstas ata o outono. Outra das medidas propostas sería unha liña de axudas a fondo perdido para que autónomos e pemes do sector cultural poidan afrontar as situacións nas que non xeren ingresos ou descendan de maneira importante.

Tamén propoñen un novo calendario para as actividades culturais na comunidade galega de forma que, apuntou, "instamos o Goberno de Feijóo a que reorganice o calendario cultural para evitar a saturación do segundo semestre do ano valorando unha posible reorganización bianual ata 2021, destinando parte dos recursos do Xacobeo para facer fronte ao déficit conxuntural producido durante a vixencia do estado de alarma e para que as empresas e traballadores do sector poidan afrontar as situacións nas que non xeren ingresos".

Finalmente, Gómez Reino considerou que se debe traballar para que a CRTVG funcione "como un verdadeiro servizo público" utilizando as canles para promover e difundir a cultura galega, apostando de maneira contundente polo sector audiovisual galego. 

Noticias web

09/04/2020