En 14 días prevese un descenso moi acusado da curva da covid en Galicia
Carmen Durán Parrondo, directora xeral de Saúde Pública: "Estamos nun momento de descenso da incidencia acumulada tanto a 7 como a 14 días na nosa comunidade".
Descenso que se consolida, tras cumprirse o tempo de dúas corentenas, 28 días, desde as festas de Reis. E que precisa doutra corentena máis para chegar a aplanar a curva: a unha incidencia por baixo dos 100 casos por cen mil.
"Dende o noso punto de vista, a desescalada debe ser moi moi lenta. Se evitamos as festas do Entroido e conseguimos manternos así, conseguiremos reducir e baixar a niveis previos, por exemplo, á segunda onda", explica Cristina Fernández, xefa de Medicina Preventiva do CHUS.
A baixada prevese que sexa cada vez máis rápida, porque nos próximos dez días chegarán os desillamentos do maior volume de persoas: os que entaron en corentena no pico dos contaxios.
Pero as UCI seguen soportando presión, e algúns hospitais, coma o de Ourense, tiveron que dispoñer de quirófanos nas últimas horas para habilitar camas de críticos. Pos iso, o comité clínico, reunido esta tarde, pide que os cidadáns sosteñan o esforzo, máis ca nunca, nos vindeiros días.
Carmen Durán Parrondo, directora xeral de Saúde Pública: "Necesitamos que acudan aos cribados. Necesitamos dos galegos e das galegas para que cumpran con todas as medidas de prevención; e nós comprometémonos a traballar sen descanso para que, en colaboración con todos os cidadáns, poidamos poñer fin a esta pandemia e a este virus".