CRTVG

Buscar

Empresas e universidades galegas desenvolven proxectos de innovación fronte á covid

Publicado o 19/11/2020 15:16

A pandemia puxo en evidencia en todo o mundo a necesidade de ter investigación e industria propia para resolver os problemas que se presenten. Tamén en Galicia puxémonos mans á obra para desenvolver solucións e produtos propios, e a financialos destinou 750.000 euros a GAIN, a Axencia Galega de Innovación.

Son oito proxectos, que escolleron entre 160. Un exemplo: un ventilador mecánico deseñado e fabricado integramente en Galicia. A produción local era unha condición imprescindible, vistos os problemas que se evidenciaron coa chegada da pandemia.

Carmen Vigara, a responsable do deseño na empresa ourensá Fentotek, explica que nun primeiro momento "había tanto apuro mundial" que as empresas de cada país reservaban a produción para o mercado interno, e aquí "houbo carencia destas subministracións".

O seu dispositivo aínda ten que pasar a validación sanitaria, pero o deseño está listo. Pode fabricarse nunhas poucas horas e a baixo custo, con pezas que hoxe son galegas, pero que pode haber en calquera mercado.

"Son todas pezas moi fáciles de atopar no mercado e, as que non, están deseñadas por nós e poden fabricarse en calquera empresa que mecanice plásticos", afirma Vigara.

Outro dos proxectos financiados pola Axencia Galega de Innovación é o que desenvolve o grupo de análise territorial da USC no Idega. Elaboran e analizan os mapas da expansión da covid en Galicia.

"Estamos vendo que a pandemia non afecta por igual a toda Galicia" di Ángel Miramontes, o director do proxecto, así que o obxectivo é "identificar por que acontece iso".

Poden relacionar un foco de contaxio cun evento, un comercio ou unha liña de bus, e facilitar a toma de decisións.

"Poder anticiparnos ás repuntas ou comparar ondas de contaxios, porque si que vemos que hai pautas comúns", explica Miramontes.

Son dous exemplos de proxectos galegos exportables a todo o mundo, que dan solucións innovadoras a problemas novos.

Noticias web

19/11/2020