Empresas afectadas únense contra a Lei de cambio climático
A Lei de cambio climático obriga moitas empresas a abandonar a primeira liña de costa. As máis afectadas, da industria alimentaria do mar, reuníronse este xoves en Vigo. Lembran que xeran o 3 % do produto interior da comunidade e aglutinan arredor de catro mil empresas que dan traballo a 37.000 persoas. Defenden que son empresas respectuosas co medio ambiente e que un cambio de ubicación suporía o seu peche.
"Necesitamos o uso da costa para realizar a nosa actividade. Eu creo que todo o mundo que coñeza un pouco Galicia sabe que un cocedeiro de mexillón, unha piscifactoría, unha depuradora ou unha fábrica de conservas con proceso de cocción ten que estar ao lado do mar", asegura Roberto Fariña, presidente da Asociación Galega de Depuradores de Moluscos (AGADE).
Denuncian que non se teñen en conta as empresas afectadas para a redacción do novo regulamento que son as que realmente coñecen as consecuencias. Segundo Juan Manuel Vieites, secretario xeral da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixe (Anfaco), "pensamos que se está a lexislar de costas ao sector o que conleva moito de ideolóxico e pouco de técnico".
A nova lei de cambio climático encara o seu último tramo para a súa aprobación da. As últimas votacións do articulado na comisión que aborda esta lei preocupan o sector, que loita pola retirada do artigo 18 que suporía a fin da concesión das empresas que traballan preto do mar.