CRTVG

Buscar

Perdas millonarias tras o incendio de seis naves no polígono do Ceao en Lugo

Publicado o 12/04/2021 11:41

Balance final: tres naves arrasadas e outras tres afectadas | Espectaculares imaxes do incendio a vista de dron

 • Desactivan o plan de emerxencias; o lume está controlado, pero non extinguido. Unha das empresas afectadas cifra as perdas en 15 millóns

Malia que o lume comezou na parte de distribución dunha nave da empresa Castro Parga, as imaxes aéreas poden axudar a entender como afectou tamén outras naves que estaban pegadas, como a de Pneumáticos Fraín, onde xa o domingo á tarde o seu xerente e os empregados trataban de rescatar algún material da única das catro que tiñan pegadas a Castro Parga que non lles ardeu.

En total ardéronlles uns catro mil metros que Francisco valora nuns quince millóns de euros. O incendio cualifícao de desastre evitable.

A carón das tres naves de Fraín están os refugallos doutra de recambios, onde nada é rescatable. Noutra nave de Frigoríficos Alonso puideron retirar bombonas e material, pero o edifico quedou desfeito.

Os bombeiros tampouco pararon en todo o día. O traballo foi continúo. 

Plan de emerxencias desactivado

A Xunta de Galicia desactivou pasada a medianoite o Plan territorial de emerxencias de Galicia (PLATERGA), que chegou a estar operativo no nivel 1, ao quedar controlado o incendio que calcinou tres naves industriais e afectou outras tres.

Segundo a información facilitada polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE), o lume está controlado, aínda que non extinguido, por iso, os servizos de emerxencia continúan traballando no lugar.

"Convén sinalar que, debido á presenza de focos aínda activos no interior das naves afectadas, no punto permanecen os efectivos do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento de Lugo e tamén membros do Grupo de Apoio Loxístico (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias", precisou o 112.

De feito, durante toda a noite, o GALI apoiou os servizos de emerxencia alí desprazados coa subministración de auga, grazas á achega de dous camións cisterna. Tamén foron empregados equipos de iluminación do Grupo de Apoio Loxístico para facilitar a visibilidade na zona e interveu a unidade de drones, co fin de determinar a dimensión dos danos causados polo lume.

Desde a comunicación do incidente por parte dos axentes da Policía Nacional ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE), arredor das 6:30 horas, o operativo formado polos bombeiros de Lugo e Vilalba, persoal das brigadas contraincendios da zona, membros do GALI e axentes da Policía Nacional e Local "traballaron arreo para controlar o incendio", explica o 112.

Ademais, para prestar apoio aos equipos de intervención, os xestores do 112 tamén pasaron aviso autoridades ambientais da Xunta de Galicia e, igualmente, solicitouse por precaución, a presenza dos servizos sanitarios, aínda que non quedou ferida ningunha persoa.

Noticias web

12/04/2021

Máis sobre Lugo