CRTVG

Buscar

Empresa Freire deixa de cubrir a liña Lugo-Santiago

Publicado o 22/12/2020 18:36

O derradeiro autocar da empresa Freire chega á dársena para recoller os pasaxeiros da viaxe que pon punto e final a 75 anos de traxectoria comunicando por estrada as cidades de Lugo e Santiago. A súa característica cor gris e as peculiares letras do logo xa non se van ver máis nesa ruta. Os estudantes universitarios eran os clientes máis asiduos dunha liña que todos os usuarios van botar de menos polo bo servizo que ofrecía. Dende mañá será outra empresa a que faga o percorrido.

"É un bus puntual, con moitas liñas e bo servizo. Estamos tristes porque desapareza."

"Eu collíao case cada fin de semana para ir a Santiago. O Freire era algo mítico que se vai botar moito de menos."

Empresa Freire colleu a liña Lugo-Santiago en 1945 e era moi coñecida polo alto número de paradas que facía na estrada N-547, chegando nalgunhas ocasións a deterse ata 60 veces na ruta. A falta dunha boa conexión ferroviaria tamén favoreceu a arrincada desta empresa clásica da cidade das murallas.

"En Santiago a este bus chamabámoslle o Lugo. Porque viña todos os días de Lugo. Ía moita xente nova e de todas as idades. A Melide, Arzúa... pero sobre todo a Santiago", lembra Servando Villanueva, condutor da empresa.

Os traballadores pasarán agora á nova concesionaria e os míticos buses grises de Freire xa só se verán no transporte escolar.

Noticias web

22/12/2020