CRTVG

Buscar

España ábrese ao turismo internacional e poderán vir as persoas vacinadas

Publicado o 07/06/2021 08:25

Hoxe é unha xornada clave para a economía española. España ábrese ao turismo internacional, pero con matices. Poderán vir as persoas vacinadas, con calquera dos fármacos autorizados en Europa máis as chinesas Sinopharm e Sinovac. No ámbito europeo, o noso país comeza a usar o certificado verde dixital, que entra en vigor para xullo.

As empresas operadoras de cruceiros xa incluíron portos españois nos seus itinerarios de verán polo Mediterráneo; responderon así inmediatamente á fin da prohibición de atraque que se lles impuxera hai un ano. Dende aquelas, o sector perdeu vinte mil empregos e agarda ir recuperando unha facturación que antes da pandemia chegara aos seis mil millóns de euros. Con todo, a súa actividade estará suxeita a diversos protocolos anticovid−19. En Barcelona fará escala un cruceiro o 26 de xuño, e os comerciantes da Ramblas están á expectativa.  

Poden entrar en España tamén dende hoxe os turistas de fóra da Unión Europea. Deberán certificar estar inmunizados catorce días antes con calquera das seis vacinas que recolle o Goberno español na orde que abre as portas ao turismo internacional: as catro aprobadas pola EMA e as dúas chinesas Sinovac e Sinopharm. Segundo exteriores, estas dúas incluíronse pola importancia que teñen en países de Latinoamérica e Oriente Próximo. Quedan fóra desta apertura O Brasil, India e Suráfrica. 

Coincidindo con esta apertura, España pon a proba o certificado verde dixital europeo, un código consensuado polos 27 que demostra que o seu posuidor está vacinado, pasou a covid−19 ou ten un test negativo recente. O documento entrará en vigor oficialmente en xullo. Pero aínda hai unha apertura pendente: a do Reino Unido, principal mercado emisor de turistas ao noso país e que nos mantén fóra da súa listaxe verde. O sector agarda que isto mude para o 24 de xuño e que avalíen a situación epidemioloxica por rexións. Iso permitiría abrirlles aos turistas británicos as portas de Valencia, Baleares ou Canarias. No entanto, capitais do ocio inglés como Magaluf aínda terán que agardar para reactivarse.

Noticias web

07/06/2021