Empeza a gravación de 'Peregrinas', documental do Camiño coa muller como protagonista
A praza de referencia na peregrinación a Compostela foi esta mañá o punto de inicio da gravación dun novo produto audiovisual sobre o Camiño. Nesta ocasión poñendo o foco nas peregrinas.
É o documental que ideou o xuíz, peregrino e escritor José Antonio Vázquez Taín: "Desde o ano 2017 hai máis peregrinas que peregrinos facendo o Camiño de Santiago e xurdiu a pregunta se durante a historia tamén foi así. Por iso este documental, onde vou relatar datos moi documentados, datos históricos, culturais, datos mesmo xeográficos, que nos van relatar a nosa historia pero desde unha perspectiva feminina, do punto de vista das peregrinas".
Estela Freire e Alberte Cabarcos, premios Mestre Mateo por 'Álbum de viaxe', emitido na TVG, están á fronte da realización do documental. Nel traballa un equipo maioritariamente de galegos en cooperación cunha empresa andaluza e con perspectiva internacional.
"Imos ver unha Galicia actual dunha beleza paisaxística como é. O que si imos coñecer son zonas e curiosidades que non só os peregrinos e turistas que nos visitan non coñecen, senón que hai moitas cousas os propios que vivimos aquí non coñecemos", di Estela Freire.
Víctor Serrano, o director de produción, sinala que "temos dúas cartas de interese de distribuidoras internacionais para distribuir o documental en Italia, Francia, Alemaña, Reino Unido e tamén nos Estados Unidos".
'Peregrinas' conta como desde o medievo foron tantas as mulleres que fixeron o Camiño e lle imprimiron valor.
José Antonio Vázquez Taín resume que no documental "imos ver como hai todo tipo de historias; historias de misticismo, historias de superación, historias humanas, de amores, de sexo, de paixóns e de todo".
A gravación está en marcha e no seu día poderemos ver 'Peregrinas' na Televisión de Galicia.