Empeoran os datos da pandemia en Europa: a maioría dos países endurecen as restricións
Cunha incidencia acumulada de 756 casos por cen mil habitantes, sete veces máis que España, e cos hospitais colapsados en varias zonas do país, Francia prepárase para o terceiro confinamento desde que empezou a pandemia.
Non será tan duro coma os anteriores. Pero a partir do sábado van pechar os colexios, a hostalería e os comercios non esenciais. Os cidadáns só poderán moverse nun radio de 10 quilómetros desde o seu domicilio, e implantarase o teletraballo de maneira xeneralizada.
Italia, cunha incidencia de 500 casos por cen mil habitantes e coa cepa británica facendo estragos, tamén se blinda durante a Semana Santa. Nunha especie de confinamento que só permite facer o esencial. Está prohibido moverse entre municipios, e tamén as visitas a familiares ou amigos. A hostalería está pechada, e calquera turista que entre terá que someterse a corentena.
O goberno alemán xa lle pediu aos seus cidadáns que non viaxen se non é por motivos esenciais. A pandemia está en claro ascenso no país, e Angela Merkel estuda endurecer as restricións e prolongalas ata finais de mes.
A cara oposta está no veciño Portugal, que en vez de en restricións está ocupado na desescalada. O país luso ten agora mesmo unha incidencia acumulada de 60 casos por cen mil habitantes, a máis baixa de toda Europa, e das máis baixas do mundo.