Emotiva despedida na residencia integrada dos Milagres tras 2 meses de loita
Son Teresa e Concepción, as últimas usuarias da residencia integrada dos Milagres, en Baños de Molgas. Con este longo aplauso o persoal que as atendeu durante semanas despedíase delas emocionado. Regresan ao asilo de San José, en Rairo.
Foi o primeiro centro deste tipo en abrir as súas portas en Galicia para atender os maiores contaxiados pola covid-19 nas residencias. Aquí recibían atención médica continuada, pero tamén asistencial.
Dende que abriu as súa portas o 24 de marzo pasaron por aquí 66 maiores que xa regresaron ás súas residencias de orixe e un equipo multidisciplinar formado por arredor de 30 traballadores cada semana pendentes das necesidades médicas, pero tamén anímicas dos usuarios.
O centro está preparado para reabrir no momento en que sexa necesario. O mesmo acontece con outra das primeiras residencias integradas, a de Porta do Camiño de Santiago, que despediu onte os últimos usuarios.