CRTVG

Buscar

Os Reis eméritos e os políticos da transición despiden a Rubalcaba

Publicado o 11/05/2019 22:06

No Congreso confluíron hoxe políticos de diversas cores e ideoloxías, co goberno en funcións á fronte, para despedir o político falecido prematuramente. Particularmente emotivo foi o adeus a Pérez Rubalcaba do Rei emérito, don Xoán Carlos, e do ex-presidente Felipe González, que non puideron reprimir algunha bágoa furtiva.

Os Reis eméritos rendéronlle esta mañá tributo a Alfredo Pérez Rubalcaba, o político que demorou varias semanas a súa dimisión da secretaría xeral do PSOE para facilitar a abdicación de don Xoán Carlos. De feito, propiciou que o grupo socialista votara case unanimemente a favor da Lei de abdicación.

O monarca emérito, con bágoas nos ollos, tocaba o cadaleito a xeito de adeus simbólico. Antes ca eles, a infanta Helena tamén expresaba as súas condolencias.

O velorio converteuse nun desfile de políticos que son historia viva da transición española. Un dos máis emocionados foi Felipe González, que hoxe dicía que se foi un amigo co que mantivo unha conversa ininterrompida de máis de catro décadas. El e Alfonso Guerra coñeceron a Pérez Rubalcaba cando tiña 25 anos e xuntos compartiron a política no poder e na oposición. Varios ministros socialistas dos anos oitenta e noventa tamén pasaron pola carreira de San Xerónimo.

O ex-presidente José Luis Rodríguez Zapatero chegaba máis tarde e rendíalle a súa particular homenaxe ao home que pilotou a carón del o ministerio de Interior e accedeu despois á vicepresidencia do goberno.

Tamén diversos políticos do PP estiveron presentes, entre eles os ex-presidentes do Congreso Jesús Posada e Federico Trillo, que consideraban a Rubalcaba un político con sentido de Estado

Noticias web

11/05/2019