CRTVG

Buscar

Elévase a catro o número de mozos falecidos no accidente de Salamanca

Publicado o 21/07/2019 21:20

O sinistro ocorreu pouco antes das 7 e media da mañá. No coche viaxaban seis persoas: cinco mozos e unha moza, aínda que o vehículo só tiña cinco prazas.

Ao chegar a este punto, o condutor, que está ferido grave, perdeu o control do vehículo, saíu da vía polo lado contrario ao da condución e deu varios bandazos. Algúns dos pasaxeiros que viaxaban na parte de atrás saíron despedidos, outros tiveron que ser liberados. Dous deles morreron no lugar, unha rapaza de 17 anos faleceu durante o traslado ao hospital e a cuarta vítima morreu esta tarde.

"A saída de vía implicou algún tipo de rotación do vehículo e algún saíu despedido. Porque como ían seis persoas unha, polo menos, evidentemente, non levaba cinto de seguridade. O dos demais teremos que investigalo. Obviamente, o que fagan os forenses será determinante para ver se hai algún tipo de marca sobre os corpos das persoas que nos deixen ver se levaban o cinto ou non. Todo isto queda pendente", informou o tenente do Subsector de Tráfico de Salamanca, Juan Ramón Marcos.

O condutor, de 29 anos, será investigado por catro delitos de homicidio imprudente e outro de lesións imprudentes.

"O condutor está ingresado, está ferido grave, co cal para as probas de alcol e drogas solicitouse que o sangue que se obtivo para fins terapéuticos sexa analizado para obter os resultados pertinentes", informou o tenente do Subsector de Tráfico de Salamanca, Juan Ramón Marcos.

Os corpos dos falecidos foron trasladados ao Instituto Anatómico Forense para que se lles practique a autopsia.

Noticias web

21/07/2019