CRTVG

Buscar

Elévanse a nivel alto as restricións en Trazo polo aumento de contaxios tras as festas de Ordes

Publicado o 24/08/2021 15:07

A recta final de agosto faise costa arriba en Trazo, que ata agora puido atravesar a pandemia de coronavirus con datos bastante bos, pero que nos últimos días viu como se disparaban os casos.

Victoria Hanna notouno na demanda de test de antíxenos na súa farmacia. Xusto despois das festas patronais de Ordes, as vendas medraron exponencialmente. "Pasamos de vender un ou dous á semana a dez ou máis", di.

Na botica detectaron un positivo. Outros dous foron certificados no cribado que se realizou o venres no centro de saúde, ao que só acudiron 71 dos 123 mozos convocados. "Son abondo para os que foron", explica unha veciña. Hanna aclara que "poden parecer poucos dous casos, pero iso implica moitos contactos de familiares, amigos...".

Contactos que, a día de hoxe, elevaron a cifra de infeccións detectadas ata as 24 novas nos últimos 14 días, 18 delas nesta última semana. A relación causa-efecto parece clara: Ordes e as súas festas patronais aparecen en todas as posibles explicacións. Ademais, a maior parte alude á mocidade como transmisora, pero Lucía Noya, camareira do único bar aberto hoxe en Viaño Pequeno, matiza: "Son de todas as idades, as festas patronais, as comidas familiares..., aí hai de todas as idades".

E as consecuencias non se fan esperar. O comité clínico acordou hoxe que Trazo pase a nivel alto de restricións a partir do sábado, e iso repercutirá de forma inmediata aquí, nos bares.

"O primeiro que restrinxen é a hostalaría, está claro; non miran as xuntanzas nin outro tipo de cuestións", lamenta Lucía.


 

Noticias web

24/08/2021