Os positivos en Correos da Lavacolla soben a 12 e os de Santa Comba a 28
• Detectado un novo gromo nunha empresa da Pobra do Caramiñal
• Melide suma outros cinco positivos e sitúase en 57
• Dan negativo os 300 usarios e traballadores nas probas da residencia Volta do Castro de Santiago
O gromo rexistrado no Centro Postal de Tratamento Autorizado de Correos na Lavacolla, en Santiago de Compostela, elévase a 12 casos positivos en coronavirus.
Na xornada do luns, catro profesionais de enfermería desprazáronse a este centro de traballo para realizar probas a 86 traballadores ante a aparición de seis positivos e este martes a área sanitaria de Santiago informou de que os casos soben a 12.
Pola súa banda, as mesmas fontes precisaron que o gromo familiar de Santa Comba alcanza xa os 28 casos activos con covid-19, segundo as cifras actualizadas deste martes.
Dan negativo as 293 persoas analizadas tras o positivo dunha traballadora nunha residencia en Santiago
As 293 persoas que se someteron a probas PCR tras rexistrase o positivo dunha traballadora na residencia de maiores Volta do Castro de Santiago de Compostela deron negativo. Diso informou na tarde deste martes a área Sanitaria de Santiago, que detallou que entre estas persoas hai traballadores e usuarios. Deste xeito, no conxunto de Galicia, os infectados con covid-19 en residencias segue en 87, deles 68 maiores e 19 empregados contaxiados, dos que 56 usuarios e oito empregados corresponden ao gromo no centro no Incio.
Os 68 usuarios con coronavirus corresponden a 56 da Residencia do Incio, 11 na residencia Orpea de Culleredo e un na Residencia DomusVi Lalín. En canto aos traballadores, ademais dos oito afectados no Incio, hai dous na Residencia DomusVi de Lalín, catro na Orpea Coruña en Culleredo e un en cada unha das seguintes residencias de maiores DomusVi de Monforte, Paradela, San Bartolomeu de Xove, DomusVi de Barra de Miño, no municipio ourensán de Coles, e Volta do Castro en Santiago.
Tres positivos nunha empresa da Pobra do Caramiñal
Ademais, estas fontes detallaron que profesionais de enfermería acudirán este mércores a unha empresa da Pobra do Caramiñal para facer probas a todo o cadro de persoal, máis de 200 persoas, tras a aparición de tres casos positivos.
Melide suma outros cinco positivos e sitúase en 57
Un total de 5 novos casos positivos na covid-19 foron detectados en relación aos gromos de coronavirus rexistrados en Melide, de modo que o total de contaxios vinculados a esta localidade ascende a 57.
En concreto, en Melide hai activo un gromo relacionado cun grupo de amigos, que afecta 21 persoas, segundo a última actualización, e outro con tres contaxiados dunha mesma familia, de acordo con fontes da área sanitaria.
As autoridades sanitarias detectaran outros 16 casos co cribado masivo realizado entre a poboación de 18 a 30 anos, aos que o domingo se sumaron os positivos de dúas persoas que forman parte dos seus contactos.
Ademais, despois de que o luns se coñecesen 11 novos positivos máis entre estes contactos, este martes a área sanitaria informou de cinco casos máis.
Aínda que os casos gardan relación co municipio de Melide, non todos os positivos se atopan neste concello, tal e como precisaron fontes sanitarias.