CRTVG

Buscar

Elena Ferro, Premio Nacional de Artesanía 2019

Publicado o 04/12/2019 14:23
Elena Ferro, Premio Nacional de Artesanía 2019

Elena Ferro foi galardoada este mércores o Premio Nacional de Artesanía 2019 que outorga o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo ao conxunto dunha obra consolidada, dotado con 7.000 euros.

Elena Ferro é a cabeza visible da empresa Eferro, fundada en 1915 polo seu avó. A artesá pontevedresa é a terceira xeración que forma parte dun taller que destaca por un produto característico da tradición rural: os zocos de madeira.

Ferro manifestou que o premio é un "orgullo" para ela e para toda a súa familia. Emocionada, sinalou que "o premio é o broche de ouro a un oficio que estaba a piques de desaparecer" e desvela a súa satisfacción polo recoñecemento a un "un calzado tan humilde como os zocos".

O xurado dos premios que convoca o Ministerio, a través da Escola de Organización Industria (EOI) e a súa cátedra Fundesarte, valorou unha traxectoria na que "conseguiu resignificar un produto tan tradicional como os zocos sen arrebatarlles a súa esencia", explican nunha nota.

Ademais da o conxunto dunha obra, os premios de artesanía abarcan outras categorías como a de Premio Produto que foi a mans da galega Paula Ojea pola súa colección Cut& Fold, caracterizada polas súas formas xeométricas, pezas que parecen obras de "enxeñería, realizadas de maneira artesanal", onde a precisión do deseño e a irregularidade do proceso artesanal é notable.

A importancia da artesanía vai máis aló do seu valor cultural e artístico, e segundo o estudo "Situación da artesanía en España. Informe de competitividade e principais variables" é tamén un sector consolidado da economía española, que representa en torno ao 2,4% do PIB industrial e un 0,4% do PIB total.